ADETO celebra un festival o 6 e 7 de setembro na Praza do Seixo.
O comercio local dalle cor á túa vila é o lema do festival que ADETO organizará o venres 6 e o sábado 7 de setembro na Praza do Seixo, en Tomiño. O evento comezará en horario de tarde os dous días e incluirá importantes novidades con respecto a anteriores feiras comerciais.
Tanto o venres como o sábado na Praza do Seixo haberá postos de comercios e artesanía: xoias, moda, complementos, etc. todo de pequenos comercios e artesáns da zona. Ademáis, as persoas que se acheguen á praza poderán desfrutar de foodtrucks, animación musical e sorteos para os clientes do pequeño comercio.
Para o venres está previsto o sorteo da campaña Pasaporte que se está levando a cabo durante o verán nos negocios de Tomiño con moito éxito. Pero ademáis na praza haberá cincuenta globos con vales de compra no seu interior para que os estoupen clientes que presenten un ticket de compra dese día en establecementos asociados a ADETO ou participantes na feira.
A tarde do sábado servirá como colofón para o verán sobre todo para a infancia e a xuventude con inchable, holi party e festa da escuma amenizadas con zumba e DJ. Para acceder a todas estas actividades será necesario presentar unha entrada que se poderá adquirir nos establecementos asociados a ADETO facendo un gasto de 9€. No día da festa a entrada canxearase por unha pulseira que dará acceso a todas as actividades e por 3€ unha mochila do comercio local con polvos para a holi party.
Co Festival ADETO, que conta con financiación e apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Tomiño e a Deputación de Pontevedra, o comercio de Tomiño busca celebrar xunto aos seus clientes unhas xornadas de diversión e bo ambiente que lle den cor a Tomiño.